Zona Centro presenta a XIII Festa da Vieira de Cambados
En ensalada, gratinadas con queixo de Arzúa, con arroz seco, en guiso mariñeiro, e ao xeito mais tradicional, pero non por elo menos apetitosas, en empanada e ó forno. Estas serán as receitas que a partires do venres 18 e ata o domingo 20 podemos degustar na XIII Festa da Vieira, que se presentou no día de hoxe.
A novidade respecto de anteriores edicións, radica na presenza de coñecidos restauradores locais, todos eles socios de Cambados Zona Centro.
O Restaurante Ribadomar concurrirá coa súa esencia tradicional, apostando pola “Empanada de Vieiras” e por suposto coas “Vieiras ao Forno”.
O restaurante A Taberna do Trasno amosaranos unha cara mais innovadora da preparación da vieira, podendo probar da súa man a “Ensalada de Vieiras” e as “Vieiras gratinadas con queixo de Arzúa”.
Non pode faltar a unión do tradicional e a innovación, que nesta edición nos chega grazas ó Restaurante Pandemonium, cuxo responsable, Antonio Botana, nos ofrece as súas preparacións: “Guiso mariñeiro de vieiras” e “Arroz seco de vieiras e verduras”
Sen dúbida alicientes importantes para unha fin de semana moi mariñeira, cargada de actos, que arrancarán o venres 18 ás 13:00 horas, festividade de Santa Mariña (Patroa de Cambados), coa inauguración da Festa da Vieira, e que contará con actuacións musicais, bailes rexionais e actos deportivos, para finalizar o domingo coa procesión da Virxe do Carme, Patroa dos Mariñeiros.