Zona Centro colaborou cos gañadores do Clio Raid Marrakech 2015
Zona Centro colaborou cos campións do Clio Raid Marrakech 2015, o ribadumiense Carlos Vázquez e o moañés Manuel Moura.
O Clio Raid Marrakech é un soño, feito realidade, do expiloto mundialista Chus Puras, que tras toda unha vida dedicado á alta competición no mundo do motor, propúxose organizar a viaxe da súa vida: un desafío deportivo, solidario e para todos os públicos no deserto dun dos países máis fermosos do mundo, no que se puidese combinar a aventura, a solidariedade, o respecto ao medio ambiente e no que todos os participantes puidesen viaxar a bordo dun coche de serie que fose robusto e barato.
A edición de 2015 cotou coa participación do ribadumiense Carlos Vázquez e do moañés Manuel Moura, que ao cabo finalizaron campións desta proba solidaria e deportiva. Todos os participantes do Clio Raid teñen que levar obrigatoriamente mochilas solidarias, a asociación de comerciantes Cambados Zona Centro patrocinou as do equipo 65 que formaban Carlos e Manuel, unha chea con produtos de hixiene persoal e outra con materia escolar.