A Federación Galega de Comercio premia a traxectoria da Joyería Villar
A Federación Galega de Comercio celebrou a pasada semana no Auditorio da Afundación en Vigo un acto no que, entre outros, distinguiuse a un dos nosos asociados, Joyería Villar, polos seus mais de 135 anos de historia asociada ao comercio local e, como non podería ser doutra forma, á vida social da nosa vila.
Dende aquí queremos trasladar os nosos parabéns, a Carlos e Santiago Villar, bisnetos do fundador e continuadores dunha saga, que aló polo ano 1880 abriu o seu primeiro establecemento na rúa Rua Real, preto da Praza de Fefiñans.
JOYERÍA VILLAR
Joyería Villar foi fundada hai 136 anos por Gerardo Villar, cando o compostelano chegaba a Cambados, unha localidade que terminaría sendo por amor o seu lugar de residencia. Él era entón un aprendiz de xoiería e montaxe óptico.
Gerardo abriu o seu primeiro establecemento na Praza de Fefiñans, a primeira óptica que se lembra na capital do albariño. O seu fillo, Santiago continuou coa profesión nese mesmo lugar, pero uns anos máis tarde o negocio familiar mudouse á rúa Infantas, con José Manuel Villar ó cargo. Dende 1968 atópanse na Praza Ramón Cabanillas, onde na actualidade o rexentan os seus fillos Carlos e Santiago; bisnetos do fundador e cuarta xeneración da empresa.
O negocio cambiou moi pouco en canto a técnicas de reparación dos minúsculos artigos de xoiería e reloxería cos que traballan. Os avances na técnica que os novos reloxos dixitais ou de cuarzo impuxeron no negocio non eliminaron os tratamentos artesanais que as pezas máis delicadas seguen requirindo e que se foron transmitindo entre os membros da familia.
E se as técnicas cambiaron, máis o fixeron os produtos. Nas súas vitrinas e escaparates, podemos admirar a enorme gama de reloxos, monturas, xoias, complementos de decoración e trofeos, para satisfacer a tódolos gustos posibles.
Especialistas en reparacións, deseño e creación de xoias; a súa labor é diferente á doutras empresas do sector. Considéranse xoieros, artesáns e artistas. O servizo ó cliente é outra das súas máximas, e así os conservan tamén de xeneración en xeneración.
Entre os seus traballos figuran os emblemas de prata que cada ano locen os cabaleiros da Orden do Albariño no seu nomeamento, así como a folla de parra de prata que configura o emblema desta festa. Pero sen dúbida, a súa creación publica máis relevante é a montaxe do reloxo da fachada da Casa do Concello de Cambados.
Joyería Villar ten unha gran implicación coa vida cambadesa. Pertencen á asociación de comerciantes local e tamén buscan tempo para apoiar ós mozos emprendedores do sector, intentando transmitirles a profesionalidade e ilusión que poñen no seu traballo e que son sen dúbida grandes bazas para acadar unha traxectoria tan longa e exitosa como a súa.