A Dirección Xeral de Comercio informa ós comerciantes do Salnés sobre as axudas para a renovación do tecido comercial

A Cámara de Comercio de Vilagarcía foi o lugar elixido, pola Dirección Xeral de Comercio, para informa ós comerciantes do Salnés dos apoios postos en marcha pola Xunta de Galicia, para a renovación do tecido comercial, e que se poden solicitar ata o vindeiro 1 de setembro.

Así, a Directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou as liñas mestras do programa de renovación do tecido comercial posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria, que impulsa con 3 millóns de euros a transmisión xeracional, así como e a posta en marcha de iniciativas innovadoras no sector, potenciando a adaptación do comercio de proximidade galego ás novas demandas dos consumidores e mellorando a súa competitividade ao tempo que se garante a continuidade do saber facer, a calidade e a profesionalidade que o caracterizan.

Esta iniciativa, xira en torno a tres eixos específicos: o apoio á remuda comercial, o impulso á modernización da xestión e dos sistemas de comercialización, e o asesoramento especializado.

O primeiro dos ámbitos nos que incide este novo programa é a transmisión comercial, apoiando a continuidade daqueles negocios que veñen funcionando desde hai anos ao tempo que se incentiva os emprendedores que queren iniciar a súa andaina comercial nun negocio xa consolidado no sector e viable.

Así, co obxectivo de potenciar a creación de emprego mediante a transmisión aos novos comerciantes tanto do comercio como do coñecemento e a experiencia do seu titular, ponse en marcha unha nova convocatoria de axudas por importe de 500.000 euros.

Desta iniciativa poderán beneficiarse os responsables de comercios que conten con 64 anos ou máis e que veñan desenvolvendo a súa actividade polo menos 10 anos ininterrompidos, así como os novos emprendedores designados para continuar co negocio empresarial. Os transmisores poderán recibir axudas de 700 euros mensuais ata a idade ordinaria de xubilación, ou un único pago de 700 euros se xa a teñen. Os que retomen a actividade recibirán apoios por 2.000 euros, e formación por parte do comerciante experimentado durante un mínimo dun mes. Como complemento á orde de axudas, está en funcionamento unha plataforma en liña onde todos os interesados poden consultar os negocios dispoñibles, www.transmisioncomercial.com.

Por outra banda, no eido da innovación, ponse en marcha unha orde de axudas, por importe de 1,9 millóns de euros destinada a comerciantes retallistas e federacións do sector, así como a titulares de obradoiros artesanais e asociacións profesionais de artesáns.

Nesta convocatoria, os comercios e as empresas artesás poden obter axudas de ata preto de 40.000 euros para a posta en marcha das seguintes actuacións:

a) Ferramentas que melloren a xestión do establecemento e o deseño dos seus produtos, e que non fosen utilizados polo establecemento/obradoiro con anterioridade, podendo presentar un investimento máximo subvencionable de 4.300 €.

b) Desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetaxe, dirixido a mellorar a loxística e a comercialización do produto, sendo o importe máximo subvencionable de 10.000 €.

c) O establecemento de novos sistemas de comercialización que combinen o comercio online e offline, poñendo á disposición dos clientes recursos tecnolóxicos, cun importe máximo subvencionable de 6.000 €.

d) A posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, cun importe máximo subvencionable de 36.000 €.

En todas estas actuacións, o importe subvencionable pode acadar o 70%.

Estes apoios ás asociacións e ás empresas artesás enmárcanse no novo Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento.

Asesoramento especializado: O programa de renovación do tecido comercial galego compleméntase cun sistema de asesoramento específico centrado en ámbitos como o emprendemento, a remuda xeracional, o comercio electrónico e as redes sociais ou a mellora do punto de venda.

Imaxe superior: © Martina Miser para La Voz de Galicia

Imaxe interior: © Iñaki Abella para Faro de Vigo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *